CRTVG

Buscar

Oleiros fai honra ao seu nome e reúne os mellores artesáns da Península

Publicado o 08/08/2019 14:38

Carmen é unha oleira de Salvatierra de los Barrios, en Badaxoz, leva dezanove anos vindo á feira de Alfaroleiros. Afirma que é unha das mellores que hai en España e que, ademais, para ela é moi especial.

"Primeiro polo sitio onde está situada, non ten nada que ver coas demais feiras que están en casetas, que está moi ben, pero claro, esta sae un pouco das demais ao ser todo no céspede, entón as pezas tiradas no céspede quedan moi bonitas", di a oleira Carmen Salguero.

Son un total de vinte e cinco oleiros os que se dan cita este ano nesta feira procedentes de toda España e de Portugal. Por suposto, entre eles non podían faltar os de Buño. 

"A olería de Buño segue gustando moito, tanto a tradicional como a de agora, que se fan pezas máis modernas, pezas máis de agora", asegura Aparicio Añón, oleiro de Buño.

O tempo ameazaba chuvia, pero non foi obstáculo para que xa desde ben cedo houbera moito ambiente en Alfaroleiros. Así opinaban moitos visitantes desta feira.

"Encántame e agora estaba vendo xustamente iso e é que son obras de arte. Eu é a primeira vez que veño e estou alucinada". "Hai de moitos sitios, de Granada, de Zamora, de Castellón... hai dunha morea de sitios. está moi ben, está moi bonito, está entretido e se se pode comprar, pois levar un recordo".

É que diso se trata, din os oleiros, de admirar estas pezas artesás e animarse a compralas.  

"É raro que non colla un porquiño de peto, que lle gustan moito os porquiños de peto". "De momento facer un agasallo, unha cabra para poñer nun testo. Vou a Vigo á casa da miña irmá e lévolle isto de recordo".

Para conmemorar estes vinte e cinco anos de Alfaroleiros, o artista Joseba Muruzábal pintou un gran mural que leva por título Lola de Faya o ciclón de Buño e que quedará como homenaxe a estes artesáns da cerámica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019