CRTVG

Buscar

Oito novos falecementos nas residencias elevan a 42 a cifra de mortos

Publicado o 06/04/2020 13:21

Oito usuarios das residencias de maiores faleceron ata a última hora de onte, segundo os datos facilitados hoxe pola Consellería de Política Social, o que eleva a 42 o número de persoas con coronavirus que perderon a vida nas instalacións dos xeriátricos.

Nas residencias segue estando o principal foco de contaxios de Galicia. Dos  167 novos casos rexistrados no reconto do Sergas, 92 producíronse en residencias, que xa suman 657 usuarios e 232 traballadores contaxiados.

Dos oito novos decesos, tres rexistráronse na residencia DomusVi Barreiro en Vigo, dous na DomusVi de Cangas, un en Celanova, outro en Nosa Señora da Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense e outro no Portádego da Coruña.

Gran parte dos novos contaxios confirmados corresponden ao centro DomusVi de San Lázaro en Santiago, que acumula 85 positivos entre pacientes, 42 máis ca no parte do domingo,e 30 traballadores, 19 máis.

Entre as dúas residencias intervidas pola Xunta, DomusVi Barreiro e DomusVi Cangas, suman 28 falecidos, 16 nas súas instalacións e 12 en hospitais. 

Con todo, a residencia Nosa Señora da Esperanza segue a ser o principal foco, con 140 contaxios e oito falecidos.

Nos centros de discapacitados, a cifra de contaxios ascende a 50 usuarios, un máis ca no anterior reconto, e 40 traballadores, tamén un máis.