CRTVG

Buscar

Oito mulleres liberadas e 21 detidos por explotación sexual en Marbella

Publicado o 09/06/2019 21:43

Vinte e unha persoas foron detidas como presuntas integrantes dunha rede criminal dedicada á explotación sexual e laboral en Marbella, en Málaga. Nesta operación policial foron liberadas oito mulleres.

O chalé onde se realizaron as detencións funcionaba como establecemento público, con barra de bar e durante as 24 horas do día. Os líderes da rede eran un grupo familiar portugués que captaba algunhas mulleres que acudían de maneira voluntaria ao prostíbulo e que enganaba a outras cunha falsa oferta de emprego nunha "casa de masaxes". Unha vez alí impoñíaselles un réxime de multas, xornadas esgotadoras e ameazas.

María Abuyo, Voceira da Policía Nacional: "Toda esta operación iniciouse grazas a unha chamada ao teléfono contra a trata. Logrouse liberar a oito mulleres que estaban sendo explotadas sexualmente. Obrigábanas a traballar durante 24 horas seguidas e ademais estaban confinadas no sótano desta vivenda e eran obrigadas a non abandoar nunca este lugar. Realizáronse catro rexistros, un deles neste chalé e outros tres nas vivendas das persoas pertencentes a este grupo".

As pescudas policiais determinaron que a rede criminal contactaba con frecuencia cun individuo que lles proporcionaba pequenas cantidades de drogas, como cocaína e MDMA, para ser distribuídas entre os clientes. O local de Marbella foi clausurado cautelarmente e os bens da rede foron bloqueados tanto en España coma en Portugal. De entre os vinteún detidos, seis eran líderes da organización.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/06/2019