CRTVG

Buscar

Oito horas para recrear Lugo nun concurso de pintura ao aire libre

Publicado o 14/07/2019 20:32

Apuran as últimas pinceladas porque se esgota o tempo para entregar as obras. Lugo serve de lenzo para os corenta artistas que participan no concurso de pintura rápida ao aire libre.

"Sempre me gustou pintar e participo todos os anos porque me encanta ver a xente pintando e o ambiente que hai é marabilloso", comenta unha participante.

"O día estivo moi ben porque esta mañá estivo anubado e pintouse ben", explica unha pintora.

Os autores teñen liberdade para escoller o recuncho da cidade que queren retratar, o mesmo que a técnica. O único en común é que as pinturas estean rematadas ás cinco da tarde.

"A execución é dunhas horas. Tes que te dar bastante présa. Tes que facer algo rápido, solto", manifesta unha das pintoras.

"Depende da técnica que utilices. Se usas unha máis realista si que necesitas máis tempo, pero podes facelo de moitas formas", informa esta participante.

Un xurado de expertos é o encargado de elixir a obra ganadora.

"As técnicas son diversas. Tratan de ir ao pigmento que seque rápido, tipo acrílico para abocetar, para facer a cousa rápido para secar axiña, pero tamén hai moita obra en óleo", explica Xoán Guerreiro, membro do xurado.

"Todas as tendencias que ves teñen calidade, case todas. É moi raro algunha que destaque por non tela", matiza Xoán Lomarti, componente do xurado do certame.

"Vemos que hai moito nivel e técnicas moi variadas", indica Alejandra Iglesias, membro do xurado.

O certame reparte premios por valor de cinco mil cincocentos euros entre os ganadores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/07/2019