CRTVG

Buscar

Oito feridos nun posible ataque terrorista no sur de Suecia

Publicado o 03/03/2021 20:16
Oito feridos nun posible ataque terrorista no sur de Suecia

Oito persoas foron feridas este mércores nun ataque cunha arma non especificada realizado por un individuo, ferido e detido posteriormente, en Vetlanda (sur de Suecia), que a policía investiga como posible atentado terrorista.

"Abrimos unha investigación preliminar por intento de homicidio, esa é a tipificación do delito que manexamos. Pero hai detalles na investigación que fan que indaguemos sobre posibles motivos terroristas", dixo en conferenica de prensa telefónica Melana Grann, xefa de policía na provincia de Jönköping.

Nin Grann nin Jonas Lindell, xefe de policía local, aclararon que clase de detalles son, aínda que informaron de que os servizos de intelixencia participan na investigación. A policía recibiu ao redor das 15:00 hora local un aviso dun suceso no centro de Vetlanda, de pouco máis de 13.000 habitantes, protagonizado por un home que atacou oito persoas en cinco zonas distintas desa pequena localidade.

O suceso foi cualificado nun primeiro momento como un posible homicidio, pero pouco antes das 19:00 hora local cambiouse á categoría de presunto atentado terrorista. O individuo foi reducido e ferido dun disparo por un axente e foi necesario daquela o seu traslado a un hospital: o seu estado é incerto, pero a policía sinalou que non presenta feridas que fagan temer pola súa vida e espera poder interrogalo pronto.

As autoridades policiais rexeitaron dar datos concretos sobre o individuo, salvo que residía nunha localidade próxima, que tiña historial por delitos menores e que se descarta polo momento que contase coa colaboración doutras persoas. Tampouco se informou sobre a arma empregada, aínda que medios suecos apuntan a que o home, duns 20 anos, usou un coitelo.

"A situación é variable, pero non temos detalles concretos", dixo Grann sobre o estado dos feridos. As forzas de seguridade acordoaron varias zonas do centro da cidade, incluída a estación central, e o tráfico ferroviario por Vetlanda suspendeuse temporalmente. 

O primeiro ministro sueco Stefan Löfven condenou nun comunicado o "crime espantoso" e asegurou que a sociedade sueca afronta unida ese tipo de feitos "despreciables".