Oito de cada dez positivos detectados en Galicia na última semana son menores de 40
A evolución da pandemia é, neste momento, diferente. Ao principio, os máis afectados eran os maiores, pero agora o número de casos activos na poboación de 15 a 29 anos quintuplica o doutros grupos de idade.
Cristina Fernández, xefa do Servizo de Medicina Preventiva da área de Santiago e Barbanza: "Agora mesmo temos un 60 % dos casos por debaixo de 30 anos e case un 80 % por debaixo de 40 anos en casos activos semanais".
Este incremento de positivos, dispara a incidencia. Por cidades e coa referencia a 14 días, as máis altas corresponden a Pontevedra, con máis de 180; a Ourense, que supera 158; á Coruña, con preto de 111, e a Vigo, que se achega a 89.
A maior parte dos últimos gromos teñen a súa orixe en festas na casa ou na rúa. Son circunstancias diferentes, que esixen medidas tamén distintas. Por iso, póñense sobre a mesa novas restricións. Entre elas, a posibilidade de pechar praias ou parques de madrugada co fin de evitar os botellóns. Pero, sobre todo, os médicos piden responsabilidade no cumprimento das normas básicas para non volvermos atrás.
Cristina Fernández, xefa do Servizo de Medicina Preventiva da área de Santiago e Barbanza: "É moi importante poder coexistir coa parte de lecer, esquecer as épocas de peche, de corentenas, vivir un pouco, pero co respecto ás normas".
Normas como a distancia física e o uso de máscara sempre que sexa imposible manter a separación. Porque baixar a garda ten consecuencias. Cos datos actuais, pode cambiar o mapa de restricións por concellos. A Illa de Arousa está no punto de mira cunha incidencia acumulada que supera os 500 casos por 100.000 habitantes tanto a 14 como a sete días. Tamén supera os 500 casos Carnota e anda moi preto Sarria. Estes dous últimos municipios xa están no nivel alto de restricións.