CRTVG

Buscar

Oito autobuses pirata da Coruña viaxaban ao estranxeiro e con discapacitados

Publicado o 27/11/2019 10:34

A Garda Civil descubriu unha empresa que operaba desde A Coruña con oito autobuses pirata que realizaban transporte internacional de viaxeiros sen licenza e desprazaban persoas con discapacidade e mobilidade reducida sen autorización.

A investigación comezou cando axentes especialistas na inspección de transportes do Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia interceptaron a un vehículo desta compañía na AP-9 que realizara un transporte internacional de viaxeiros sen licenza comunitaria.

Os viaxeiros, dunha asociación cultural, ían a Francia, segundo informan fontes da investigación.

Este autobús pirata interceptado na AP-9 á altura de Ordes, non só carecía da correspondente licenza que ampara o transporte internacional dentro da Unión Europea, senón que incorría noutras infraccións en materia da lexislación de transportes.

Tras detectar estas irregularidades, os axentes procederon a realizar unha inspección máis exhaustiva en varios roteiros desta empresa, onde puideron comprobar que estaba a realizar un servizo regular de uso especial de viaxeiros sen a correspondente autorización para realizar este desprazamento.

Transportaba en diversos roteiros a persoas con discapacidade intelectual e mobilidade reducida a un centro ocupacional da provincia da Coruña, sen as correspondentes autorizacións de uso especial que concede a Xunta de Galicia para este tipo de transportes.

En total, inspeccionáronse oito autobuses desta empresa e formuláronse once denuncias en materia de transportes e outras sete por infraccións graves e moi graves do Regulamento Xeral de Vehículos, que conlevan sancións económicas de 4.001 euros.

Tamén se denunciaron outras cuestións técnicas, como a ausencia do dispositivo acústico de marchas atrás, fallos na apertura das portas de emerxencias, carencia de caixa de primeiros auxilios, extintores caducados desde marzo de 2018 e diversos asentos severamente degradados, con roturas en tapizado e parte acolchada que poderían ocasionar lesións en caso de sinistro ao non estar protexidas as partes metálicas dos mesmos.

Os axentes non puideron comprobar que tiñan contratado o seguro de responsabilidade civil ilimitada, obrigatorio para transportar viaxeiros deste tipo, cuestión que deberán acreditar ante a Xefatura de Tráfico da Coruña.

Nun comunicado, a Garda Civil advirte de que a seguridade é a máxima prioridade para as empresas dedicadas ao transporte de viaxeiros e, a pesar deste caso, as cifras de sinistralidade anuais reflicten que este é un sector seguro.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí