CRTVG

Buscar

Oito anciáns que deron negativo en coronavirus foron trasladados da residencia de Aldán á de Patos

Publicado o 05/04/2020 18:19

Tres ambulancias trasladaron esta mañá oito anciáns da Residencia DomusVi de Aldán a esta residencia de tempo libre de Patos. Son persoas ás que se lles practicaron dúas probas do coronavirus e deron negativo nas dúas e, ademais, non teñen ningún dos síntomas relacionados coa doenza. Malia a choiva e o trastorno que supón o traslado para unha persoa maior, algúns como Alejandro Pérez, que ingresa canda a súa muller Leonor, vaino tomar como unhas pequenas vacacións fronte á praia que tanto visitou de novo.

Nesta residencia traballa un cadro de 78 traballadores, 41 son os traballadores habituais e outros 37 son de novas contratacións. A delegada da Xunta en Vigo recibiu un a un os novos residentes e salientou o esforzo da Administración galega na contratación de 80 novos sanitarios para reforzar o cadro de persoal das residencias da área sanitaria de Vigo.

A residencia de Patos ten capacidade para 140 persoas e dispón de 6 cuartos que poderían ser utilizados por dependentes ou persoas que tivesen que estar illadas.

Noticias web

05/04/2020