CRTVG

Buscar

Oxford di que unha terceira dose de AstraZeneca pode ser un reforzo efectivo contras as variantes

Publicado o 28/06/2021 16:31
Oxford di que unha terceira dose de AstraZeneca pode ser un reforzo efectivo contras as variantes

A Universidade de Oxford asegura que unha terceira dose da vacina de AstraZeneca contra a covid-19 pode ser un reforzo efectivo contra as novas variantes, sen necesidade de facerlle retoques.

De acordo coa súa análise, fornecer unha terceira dose seis meses despois da segunda aumenta considerablemente os anticorpos e a capacidade do organismo para loitar contra a infección do coronavirus, incluídas as cepas.

O director do Grupo de Vacinas de Oxford, Andrew Pollard, responsable de desenvolver o preparado, admitiu aos medios que aínda non se sabe se a poboación necesitará un reforzo o vindeiro outono. Porén, os novos estudos realizados amosan que a actual vacina pode ser efectiva.

Os datos das autoridades sanitarias xa indican que as dúas doses de AstraZeneca achegan unha boa protección para evitar as hospitalizacións por covid-19 ou a morte, tanto da variante alfa (antes británica) como da delta (detectada na India).

"Non hai indicacións actualmente sobre se necesitamos reforzos. Precisamos seguir observando os datos e tomar decisións a medida que pasen os meses", engadiu o experto.

O Reino Unido xa vacinou coa primeira dose dunha vacina contra a covid-19 ao 84,1 % da poboación adulta, mentres que o 61,6 % xa recibiu as dúas doses.

Nas últimas semanas, o Reino Unido rexistrou unha forte repunta dos contaxios por mor da rápida propagación da variante delta, que forzou o Goberno a atrasar o levantamento de todas as restricións ata o 19 de xullo.

Noticias web

28/06/2021