CRTVG

Buscar

Ocupan de xeito ilegal un piso turístico no recinto histórico de Lugo

Publicado o 18/09/2020 13:56

O piso turístico do primeiro andar deste edificio da céntrica praza do Campo, en Lugo, leva meses ocupado de xeito ilegal. Foi usurpado por varias familias dun mesmo clan, que adoitan chegar en coches de alta gama. Segundo os veciños, alteran a convivencia, posto que as pelexas que protagonizan obrigaron a chamar a policía en diversas ocasións. Pola súa parte, os hostaleiros quéixanse de que lles espantan acotío a clientela.

"Pasan por aquí cos seus coches de alta gama, aparcan aí con total impunidade e fan festas. Coa pandemia, xa hai pouca xente, e menos aínda debido a esta xente", di José Manuel Fernández, hostaleiro.

"Hai un caso particular dunha vivenda ocupada nesta mesma praza en que si que están causando problemas de convivencia. Están molestando os veciños e están facendo cousas que non deben. E aí é onde empezamos xa a converter un problema particular entre unhas persoas e os donos da vivenda nun problema para a veciñanza, de boa convivencia entre todos", Luis Latorre, presidente da asociación de empresarios Lugo Monumental.

Na asociación de empresarios Lugo Monumental recoñecen que o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas está a agravarse no recinto histórico da cidade. Instan, por tanto, ás administracións a axilizaren a creación de vivendas sociais a fin de axudar a resolver este problema canto antes.

"É que é un tema moi sensible. A vida dá moitas voltas e todos podemos vernos nunha situación de emerxencia persoal complicada, e ás veces tómanse decisións non entendibles para outras persoas. O problema de fondo é que os servizos públicos non están a atender un problema de vivenda que ten moita xente nunha situación desesperada. Pero outra cousa moi diferente é que nós poidamos aceptar que se violente unha propiedade privada dunha persoa ou dunha familia e que se lleocupe a vivenda porque alguén non ten máis remedio. Pois aí está o problema", explica Luis Latorre, presidente da asociación de empresarios Lugo Monumental.

No momento da súa ocupación ilegal, a vivenda encontrábase en bo estado e mesmo acababa de ser reformada.

Noticias web

18/09/2020