CRTVG

Buscar

Ocupación plena nos albergues sociais debido á intensidade do frío

Publicado o 08/01/2019 14:31

Os albergues sociais, como o compostelán de Xoán XXIII, están cheos todas as noites desde hai case dúas semanas. A friaxe forza a recorrer ao acubillo solidario a moitas persoas sen fogar e sen recursos. Aínda así, hai quen prefire pasar a noite fóra. Está activado o protocolo de frío e, en consecuencia, todas as prazas ocupadas.

Susana Cueto, psicóloga do albergue Xoán XXIII: "Agora as 25 prazas están ocupadas todas as noites desde hai unha semana e pico. A xente que sae volve entrar e chegan outros novos. Hai unhas quince persoas en Santiago que quedan na rúa, porque prefiren iso a adaptarse á convivencia e ás normas necesarias para organizar as pernoitas. Polo que nos contan os equipos da Cruz Vermella, pasan a noite fóra unhas 15-20 persoas".

Nas condicións actuais, os albergues pasan por alto a norma de máximo de pernoitas seguidas e tamén o período de carencia ata repetir.

Susana Cueto, psicóloga do albergue Xoán XXIII: "Durante a aplicación do protocolo de frío poden quedar todo o tempo mentres non mellore o tempo. Pero teñen que solicitalo os usuarios. Tamén poden retornar aínda que estea no período de carencia desde o anterior período de pernoitas".

Estas instalacións funcionan grazas ao traballo de persoal voluntario e ás doazóns. Aquí, agora precisan de roupa e complementos de abrigo, sobre todo para home.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2019