CRTVG

Buscar

Obradoiro de xoiería megalítica en Cabana de Bergantiños

Publicado o 31/03/2019 17:58

O concello de Cabana de Bergantiños celebrou esta fin de semana un obradoiro de xoiería megalítica. Inspirándose no dolmen de Dombate e botando man de pedra, cunchas ou barro, os participantes crearon os seus propios enfeites.

Traballan coas mans: pedra contra pedra, cun pincel de bambú sobre o papel de arroz ou cun pedazo de barro que vai collendo forma. Hai un feixe de elementos naturais de proveito para uso ornamental, como xa se empregaron noutrora e que poñen en relación o noso patrimonio arqueolóxico co deseño actual.

Nos obradoiros desta fin de semana os participantes aínda non descubriran os metais.
Pilar Gómez, Marilá, oleira e docente do obradoiro adianta o traballo: "Van facer abelorios de pedra, cerámica para facer colares baseados nesa época. Con sistemas de impresión con follas naturais, con anaquiños de pedra e unha decoración moi sinxela".

"E cohesionar todo para facer algo con ferramenta como tiñan os nosos ancestros, sen ferramenta de metal. Só con fricción e con cousas moi básicas imos conseguir facer algo que despois nos vai valer a nós como enfeite", di Xulia, alumna do obradoiro.

Unha experiencia para os participantes que recolleron na praia a materia prima que o mar lles deixou.

"Serviu para que coñecesen a Costa da Morte, para que se fixasen en que o home da prehistoria era máis listo do que pensamos e máis cómodo. Ás veces cremos que hai moito traballo detrás das cousas, que o hai, pero o que hai é sentido común. É unha economía de medios e unha sensatez que ás veces perdémola, hoxe que temos tantos medios", conta Yanet Ruíz, directora artística do obradoiro.

Esta tarde exporán as xoias que crearon e levarán con eles un pedazo da Costa da Morte traballado coas súas mans.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/03/2019