CRTVG

Buscar

Obama amosa optimismo e alerta das ameazas no seu discurso de despedida

Publicado o 11/01/2017 20:50

Tamén advertiu dos desafíos para a democracia: a sensación de que non hai oportunidades para todos e os prezuízos contra as minorías

"Pídolles que crean. Non na miña capacidade para acadar o cambio, senón na súa". "Vostedes foron o cambio. Vostedes responderon ás esperanzas da xente e, grazas a vostedes, en case cada medida, Estados Unidos é un lugar e máis forte que cando comezamos". 

Obama pasou o testemuño do cambio á cidadanía nun optimista discurso de despedida en Chicago. Destacou que nos oito anos como presidente sacou o país da recesión, abriu un novo capitulo co pobo cubano, legalizou o matrimonio homosexual e reformou o sistema sanitario. Pero tamén advertiu dos desafíos para a democracia: a sensación de que non hai oportunidades para todos e os prezuízos contra as minorías. 

"Despois de saír elixido, falouse dunha América posracial. Foi unha visión ben intencionada pero pouco realista. A raza segue sendo unha forza potente e divisora na nosa sociedade". 

A parte máis emotiva do discurso deixouna para eloxiar o papel desempeñado pola súa muller como primeira dama, á que definiu como a súa mellor amiga.

"Asumiches un papel que non pediras, e fixéchelo teu con graza e con humor".  

Co "si, podemos" e "si, fixémolo",  rematou o que foi o seu último discurso antes de deixar o poder o próximo día 20 sen mencionar apenas o seu sucesor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2017