CRTVG

Buscar

O Zaragoza remonta en Lugo

Publicado o 10/02/2019 13:42

Os lucenses colócanse a tres puntos do descenso

O man a man que escenificaron o Lugo e Zaragoza nos prolegómenos trasladouse ao xogo nun partido con ocasións nunha e outra portería, que comezou con este remate ao poste de Pombo desaproveitado posteriormente por Alvaro Vázquez. Ao que respondeu Toni Martínez cunha cabezada espectacularmente rexeitada por Cristian Álvarez.

Foi pouco antes de que Guitián lle fixera penalti a Lazo que Pita se encargou de transformar no seu sétimo gol da temporada, dous deles contra os aragoneses.

Toni Martínez tivo a oportunidade de aumentar a vantaxe para os lucenses, pero volveu estrelarse contra un brillante Cristián Álvarez.

Co balón dunha a outra portería, José Carlos derruba a Álvaro Vázquez, pero o dianteiro envía o penalti fóra.

A segunda metade comezou como a primeira. Con Pombo disparando outra vez á madeira.

A entrada de Linares á hora de xogo acabou por desnivelar o partido a prol dos zaragocistas. O dianteiro tardou catro minutos en marcar aproveitando un pase de Alberto Benito. Quinto gol de Linares nesta temporada, catro deles co Reus.

O Lugo contou cunha dobre ocasión para volver poñerse por diante no marcador, pero o disparo de Morente primeiro, e a picada posterior de Manu Barreiro, foron esbaratadas de novo por Cristian Álvarez.

Un minuto despois, Pombo saca un córner, coloca Linares e Guitián castiga o erro lucense co un a dous definitivo. Nove goles recibiron os de Monteagudo nos catro últimos partidos, unha sangría que o deixa a tres puntos do descenso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2019