O Xurés e os montes de Verín ven reforzada a vixilancia contra os incendios grazas aos drons
Chegar canto antes aos incendios para combatelos é clave, e máis nunha zona como o parque natural do Xurés. Por iso a súa base antiicendios vai multiplicar por cinco a súa superficie e vanse reforzar tamén as brigadas. Desde o aire tamén se vai reforzar a vixilancia con drons e cámaras.
A base antiincendios do Xurés vai multiplicar por cinco a súa superficie, de 9.000 metros cadrados a 45.000. A consellería do Medio Rural tamén reforzará a dotación de persoal, para axilizar a resposta contra o lume nunha zona especialmente castigada polos incendios.
Hai un ano, un incendio no Xurés custáballe a vida aos tripulantes dun hidroavión, un piloto portugués e un salmantino que faleceu meses despois. Foi na parte portuguesa do parque, pero o lume, que non entende de fronteiras, acabou pasando a Galicia. Só o ano pasado, que non foi dos peores, 2.000 hectáreas do Xurés galego arderon en múltiples focos.
José González, conselleiro do Medio Rural: "Alí onde hai unha forte actividade incendiaria, nós como Xunta temos que facer unha aposta por investimento en infraestruturas". Na base do Xurés van ampliar a superficie e a dotación de medios humanos e materiais. Tamén en Verín, no sureste ourensán, outra área de elevada actividade incendiaria. E desde o aire, vixilan os drons.
Luis Zarcos, Unidade de Investigación de Incendios Forestais: "Dado as súas pequenas dimensións, fai moi pouco ruído e, se o sobes ben arriba, é difícil que te vexan. Desde aí, podes ver un vehículo e cando ves unha persoa poñendo un lume, pódelo baixar, achegarte, ver a matrícula". Día e noite, sobrevoan os montes galegos unha ducia de drons da Xunta aos que se suman os da operación Centinela do Exército.
José González, conselleiro do Medio Rural, asegura que "o 70 % do territorio está vixiado por cámaras de última tecnoloxía que nos facilita tomar decisións estratéxicas cando hai un incendio". No que vai de verán, preto do 90 por cento dos incendios que se rexistraron nos montes galegos quedou en conatos.