CRTVG

Buscar

O xurado popular xa delibera sobre a culpabilidade de Ana Julia Quezada

Publicado o 18/09/2019 14:20

Na Audiencia Provincial de Almería, onde se xulga a Ana Julia Quezada polo crime do pequeno Gabriel Cruz, todo está pendente do veredicto do xurado popular, que comezou este mediodía as súas deliberacións.

Deberán decidir sobre a culpabilidade ou non da acusada, tendo en conta os feitos probados durante o xuízo. Os nove membros do xurado popular, 7 homes e 2 mulleres, que deben decidir o futuro de Ana Julia Quezada, autora confesa do crime do pequeno Gabriel Cruz, deliberan xa sobre o veredicto.

Deberán responder unha a unha as máis de 30 preguntas que se recollen no escrito redactado pola maxitrada presidenta do tribunal e que ela mesma lles entregou este mediodía.

"Vostedes deben de ter presente que deben actuar con total independencia, deben valorar e decidir opinando na deliberación e votando cada un o que persoalmente crea correcto. Vostedes deben actuar con responsabilidade".

O obxectivo é dilucidar se Ana Julia Quezada cometeu asasinato con aleivosía, como sostén a Fiscalía, asasinato con aleivosía e asañamento, como mantén a acusación particular, ou homicidio imprudente ou doloso, que é o que considera a defensa.

Dependendo das súas respostas, a acusada podería ser condenada a prisión permanente revisable ou a tres anos de cárcere, que é o que solicita o seu avogado. Se ás oito da tarde o xurado non ten un veredicto, continuará deliberando mañá.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/09/2019