CRTVG

Buscar

O xuíz devolveulle ao xurado o primeiro veredicto por erros formais

Publicado o 30/11/2019 12:32

O xurado popular entregoulle o venres o seu veredicto ao presidente do tribunal. Debía responder 27 preguntas para aclarar se hai probas de que Abuín cometeu os delitos que se lle imputan: detención ilegal, agresión sexual e asasinato.

Pero ao revisar o veredicto, o maxistrado comprobou que tiña erros formais, pouca fundamentación e mesmo contradicións. Algo co que estiveron de acordo todas as partes.

Ricardo Pérez Lama, avogado da familia de Diana Quer: "Mañá teremos que volver reunirnos a ver se xa conformaron debidamente. Iso depende do maxistrado. Se entende que non está debidamente motivado e quere que se motive máis está na súa man que se motive"

O xurado ten que repetir a deliberación e aclarar todas estas cuestións pendentes. Nas próximas horas emitirá un novo veredicto. E pode que manteña a liña do anterior ou que chegue a conclusións distintas.

Evaristo Nogueira. avogado: "Se eu respondo a unha pregunta que teño que aclarala e desa aclaración se desprende que cambio a miña opinión aí podería darse un cambio de decisión do xurado".

Entregado o veredicto, o presidente do tribunal emitirá sentenza e decidirá a pena que lle impón ao acusado. Fiscalía e acusación particular pídenlle para Abuín prisión permanente revisable. Pero no caso de ser condenado por homicidio doloso, como pide a defensa, a pena sería de 7 anos de prisión como máximo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/11/2019