O xurado declara por unanimidade culpable o acusado do crime de Padre Rubinos cunha atenuante de alteración psíquica

O acusado de asasinar outro home acoitelándoo no peito ante a institución benéfica Padre Rubinos, na Coruña, foi declarado culpable de asasinato cunha atenuante, segundo o veredicto do xurado popular. A atenuante a ter en conta, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, é unha analóxica por combinación de trastorno da personalidade con limitación lixeira das súas facultades volitivas.
A Fiscalía pide 17 anos de cárcere e 8 anos de liberdade vixiada para o acusado, pois sostén que o ataque, producido en xaneiro de 2018, foi sorpresivo e que o home non tivo posibilidade algunha de defenderse, aínda que ten en conta esa atenuante de alteración psíquica. O xuízo finalizado esta tarde celebrouse esta semana, desde o luns, con tribunal de xurado ante a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña. Ademais da pena de prisión, tamén se lle solicita facer fronte a unha indemnización de 99.496 euros a cada un dos tres fillos da vítima; 44.220 euros a cada un dos seus pais e 16.586 euros a cada un dos seis irmáns.
O día dos feitos os dous homes atopábanse no exterior do albergue cando J. M. L. C. sacou da súa cazadora unha arma branca con dobre fío e lle asestou unha puñalada no peito ao home de 43 anos, que faleceu pouco despois porque o puñal alcanzoulle o corazón.
É a segunda vez que a Audiencia acolle un xuízo por este caso, pois o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulo o primeiro xuízo, en que se condenou o acusado a 15 anos e medio de cárcere por asasinato con aleivosía. A causa da nulidade foi a alegación do letrado da defensa que achacaba "indefensión" ao acusado por non realizarse un exame psiquiátrico por parte do Sergas, polo que agora se tivo en conta esta nova proba.