CRTVG

Buscar

O xurado popular declara non culpable o home acusado de matar a muller en Mos

Publicado o 10/11/2017 13:57

O xurado popular absolveu o ancián acusado de matar a golpes a súa muller en Mos en decembro de 2015. Cren que non hai probas abondas para condenalo. É máis: din que nin sequera está probado que estivera na vivenda no momento dos feitos.

Florencio Alonso non é culpable do delito de asasinato con aleivosía da súa muller. No seu veredicto, o xurado considera acreditado que Marina Rodríguez foi asasinada, pero seis dos nove membros do tribunal non apreciaron probas abondas en contra do home, polo que foi absolto.

Na decisión foi importante a declaración dalgunhas testemuñas, a ausencia de restos biolóxicos e as discrepancias sobre se o acusado estaba na casa ou non. No xuízo, Florencio declarou que atopara a súa muller morta tirada na cociña cando chegou á casa.

Deste xeito, o asasinato queda sen resolver. Na noite do 29 de decembro de 2015, Marina foi atacada na cociña da vivenda. Tapáronlle a boca e recibiu golpes no tórax, no abdome e na cabeza, o que lle ocasionou a morte.

A Fiscalía, que pode recorrer contra o veredicto ante o Tribunal de Xustiza de Galicia, pedía 22 anos de prisión para o acusado. A defensa solicitaba a libre absolución e mantiña que se vulneraran dereitos fundamentais durante a instrución da causa. O home estivo en prisión 14 meses, desde decembro de 2015 ata febreiro do ano pasado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/11/2017