CRTVG

Buscar

O xulgado suspende a patria potestade de José Luis Abet

Publicado o 18/09/2019 18:08

O Xulgado de Instrución número 2 de Caldas de Reis volveu citar esta mañá a José Luis Abet, asasino confeso da súa ex-muller, ex-cuñada e ex-sogra, para realizar dilixencias. A primeira hora da mañá saía nun furgón da prisión da Lama. Durante a súa comparecencia comunicáronlle a suspensión da patria potestade dos seus fillos.

O xulgado tamén realizou unha exploración dos menores, de 4 e 7 anos, que presenciaron o crime. A titular do xulgado terá que decidir agora sobre quen se fai cargo da custodia; mentres, temporalmente, están residindo cun familiar directo, a súa tía avoa.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia precisaron que a exploración dos nenos consistiu na obtención do seu testemuño, pero non a través dun interrogatorio da xuíza, senón que se fai a través dun panel de expertos e realízase para evitar que teñan que declarar cando se produza o xuízo. Os pequenos están ao coidado da familia e tanto eles como o seu avó teñen axuda psicolóxica.

Esas mesmas fontes precisaron que, aínda que José Luis Abet asistiu a parte da dilixencia, o pai e os nenos non se viron.

Logo das dilixencias practicadas esta mañá, José Luís Abet regresou á prisión da Lama, onde permanece comunicado e sen fianza. A acusación de triplo asasinato podería suporlle unha pena de prisión permanente revisable.

Na vivenda onde residía a ex-muller do suposto asasino cos dous fillos de ambos, continúan as investigacións para determinar as circunstancias exactas do triplo crime e se houbo premeditación. Abet matou as tres mulleres cun revólver do calibre 32, adquirido en Portugal e para o que ao parecer non tiña licenza. Segundo testemuños presenciais, efectuou ata 15 disparos. A Garda Civil investiga como conseguiu a arma e se esta foi utilizada previamente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí