CRTVG

Buscar

O xulgado de Corcubión instrúe dilixencias sobre unha seita que operou en Galicia

Publicado o 13/06/2019 15:59

Durante un ano, o líder dunha presunta seita rexentou un 24 horas na rúa Lavandeira, en Lugo. Foi un dos moitos negocios que o gurú do grupo, procedente de Murcia, montou en Galicia. Previamente, establecérase na Mariña, en Barreiros e mais en Foz, e posteriormente pasou por Arteixo e por Muxía. Ségueno catro mozos e unha moza coa que xa tivo dous fillos. Como adoita acontecer neste tipo de casos, todos eles romperon totalmente as relacións coas súas familias.

Pepe Riopedre, avogado: "O líder non permite que o grupo se asente máis alá dun ano en ningunha localidade para evitar así que os rapaces poidan establecer vínculos de calquera tipo co exterior. O seu modus operandi é ese, de aí que se establecesen na Mariña en 2016, ao cabo dun ano en Lugo e despois doutro ano en Arteixo".

"Ía buscar unha barra de pan e estaba cerrado. Había que chamar sempre ao timbre, e entón eles saían da parte de aquí do baixo para despachar. Vin que tiveran un neno pequeno aí, e incluso ás veces notábase que saían de durmir".

O Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión está a instruír dilixencias polos presuntos delitos de estafa continuada e apropiación indebida. O procedemento conta cun amplo atestado da Garda Civil, coa que colaborou un despacho de avogados e detectives de Lugo contratados polas familias dos membros do suposto grupo sectario.

Pepe Riopedre, avogado: "Sempre colleron o arrendamento dun local tipo quiosco ou supermercado 24 horas e quedaron debendo a todos os provedores de mercadorías, pero cantidades substanciosas. Sobre todo en Arteixo, onde foi un desfalco brutal. De aí que fuxisen cando empezaron a reclamarlles as débedas".

Tras o seu paso por Galicia, ao parecer o grupo estableceuse en Valladolid. Pola súa parte, as familias dos acólitos xa anunciaron que se van presentar no caso.

Noticias web

13/06/2019