CRTVG

Buscar

O xulgado arquiva a investigación sobre a morte dunha moza nas Catedrais

Publicado o 02/04/2019 18:52
O xulgado arquiva a investigación sobre a morte dunha moza nas Catedrais

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Mondoñedo decretou de novo o sobresemento provisional e arquivamento das actuacións relacionadas co falecemento dunha moza de 25 anos en marzo de 2018 na praia das Catedrais tras caerlle unha pedra na cabeza. 

A maxistrada explica que despois de practicar as dilixencias solicitadas pola Audiencia Provincial de Lugo "non resulta debidamente xustificada a perpetración do delito". En setembro de 2018, a Audiencia revogou parcialmente o auto de xuño de 2018 emitido polo Xulgado de Mondoñedo que desestimaba o recurso de reforma interposto pola familia da vítima contra o sobresemento das actuacións decretado polo xulgado en maio dese ano.

"As dilixencias practicadas non fixeron máis que confirmar o xa argumentado no auto do 13 de xuño de 2018", salienta a xuíza, quen destaca que "aínda cando se puidese considerar que concorrese algún tipo de responsabilidade por culpa, esta non sería susceptible de ser axuizada no ámbito penal, dado que a falta de previsibilidade sería en todo caso leve, desprazando o posible reproche ao ámbito da responsabilidade civil/contenciosa, en aplicación do principio de intervención mínima que rexe o dereito penal".

A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Mondoñedo asegura que é "especialmente destacable" o resultado dun informe da Xunta en que indica cales eran os carteis de advertencia dos riscos existentes no lugar dos feitos o día en que se produciron.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/04/2019