CRTVG

Buscar

O xuízo polo crime de Samuel Luiz será con xurado popular

Publicado o 04/08/2021 12:38

• Os catro detidos maiores de idade, o xoves ante a xuíza para decidir a súa imputación

• Entre seis e oito persoas participaron na agresión a Samuel

 

A titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña emitiu un auto no que decreta que o procedemento polo crime de Samuel Luiz, ocorrido na madrugada do 3 de xullo, sexa pola Lei orgánica do tribunal do xurado. Así o informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que explica que se adopta esta decisión debido ao tipo de delito que se lles imputa aos investigados, "homicidio ou asasinato, a determinar ao longo da instrución", precisa o alto tribunal.

A xuíz citou para este xoves os catro maiores de idade detidos polo crime de Samuel Luiz para decidir o tipo de delito que se lles imputa como investigados, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A vista será ás 10:00 horas e estarán os tres homes que se atopan en prisión, a moza que permanece en liberdade con medidas cautelares, e as partes acudidas no caso.

Aos investigados, con idades entre os 16 e os 25 anos, considéranos autores dun delito contra a integridade física consumado e outro en grao de tentativa, pola agresión sufrida neste caso por Ibrahima, un dos dous senegalés que tratou de auxiliar ao novo falecido.


Noticias web

04/08/2021