O xuízo do Alvia celebrarase na Cidade da Cultura o primeiro trimestre de 2022

O director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín, afirmou este luns que a celebración do xuízo polo descarrilamento do Alvia en Angrois terá lugar durante o primeiro trimestre do próximo ano na Cidade da Cultura. Así o sinala o departamento de vicepresidencia da Xunta nun comunicado, en que apunta que se poñerá a disposición esta localización, que agora se emprega para a vacinación, para atender as necesidades de espazo e de tempo que supoñerá o xuízo.
Segundo as previsións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, prevense uns 120 avogados e procuradores, "o que unido á posible longa duración que poida ter, fai necesario un amplo espazo para o seu desenvolvemento", explican desde o Goberno galego. Como xa ocorrera co xuízo do Prestige, "a Xunta fará fronte ás necesidades materiais necesarias para a celebración das sesións".