CRTVG

Buscar

O xuíz ve indicios para levar a xuízo a Shakira por fraude fiscal

Publicado o 28/07/2021 22:12
O xuíz ve indicios para levar a xuízo a Shakira por fraude fiscal

Un xuíz ve indicios para levar a xuízo á cantante Shakira por defraudar 14,5 millóns de euros a Facenda simulando non residir en España e ocultando a súa renda mediante unha armazón societaria con sede en paraísos fiscais, entre 2012 e 2014.

O titular do Xulgado de Instrución número 2 de Barcelona considera que, a pesar de que as teses de Facenda e da defensa son "diametralmente opostas" en canto á interpretación tributaria a aplicar, hai "indicios suficientes de criminalidade" para continuar co procedemento contra ela e que o caso se dirima no xuízo.

O proceso penal deriva dunha querela da Fiscalía, que acusa de seis delitos contra a Facenda pública a artista colombiana, quen xa pagou os 14,5 millóns que a Axencia Tributaria lle esixía, mais outros tres millóns en xuros, por unha suposta fraude fiscal entre os anos 2012 e 2014. O xuíz detalla no auto que das dilixencias practicadas ata o de agora despréndese que a cantante deixaría de tributar en España durante eses tres anos, "a pesar de ter a obrigación de facelo por ter aquí a súa residencia fiscal".

O auto tamén deixa en portas de xuízo ao asesor fiscal de Shakira por colaborar presuntamente na armazón societaria "erixida para eludir o pago de obrigacións tributarias", tanto do IRPF como sobre o patrimonio.

Noticias web

28/07/2021