CRTVG

Buscar

O xuíz pecha a instrución da última peza da Gürtel con 21 procesados

Publicado o 09/03/2020 18:33

O xuíz pecha a instrución da última peza da Gürtel con 21 procesados

O xuíz José da Mata concluíu a instrución do caso Gürtel co procesamento de 21 persoas físicas e 19 xurídicas por delito fiscal, delito continuado de falsidade en documento mercantil e branqueo, entre eles os principais xefes da trama, Francisco Correa e Pablo Crespo. Segundo o maxistrado da Audiencia Nacional, Correa percibiría polo menos 30,9 millóns pola súa intermediación na concesión de adxudicacións irregulares, a cobranza de comisións e a a actividade das súas sociedades de eventos e viaxes, dos que presuntamente defraudou 24,8 millóns en concepto de IRPF desde 1999 a 2009 e de Imposto sobre o patrimonio (IP) de 2000 a 2007.

Nun auto notificado este luns, o maxistrado acordou o pase a procedemento abreviado da peza principal de Gürtel, a última que quedaba por concluír, da que finalmente quedaron fóra 28 persoas ante a falta de indicios. Entre eses 28 destacan Álvaro Pérez El Bigotes e Cándido Herero, ex-propietario e ex-xerente da empresa de Orange Market, a empresa da trama Gürtel en Valencia. 

O xuíz arquivou esta causa para eles porque os feitos que se lles atribuían foron investigados noutras pezas de Gürtel, e acordou así mesmo o sobresemento respecto ao ex-deputado do PP Jesús Merino e ao ex-conselleiro da empresa Dregemont Plácido Vázquez, no seu caso por prescrición. Tamén quedaron fóra varios traballadores das sociedades que participaron na xestión e administración das empresas do coñecido como "Grupo Correa", ao non quedar acreditado que fosen conscientes do obxectivo defraudatorio levado a cabo polos seus responsables.

Entre os investigados aos que Da Mata propón xulgar figuran, ademais de Correa e Crespo, os seus asesores fiscais Luís de Miguel e o blanqueador da trama e ex-vicepresidente de Repsol YPF Jose Ramón Blanco Balín. Tamén foron procesados empresarios e homes de palla que participaron na operativa para eludir pagos a Facenda e ocultar os fondos.

O que se investigou nesta última peza son os posibles delitos contra a Facenda Pública que puideron cometer Correa e Crespo para ocultar o seu patrimonio; que en gran parte presuntamente procede, indica o xuíz, das actividades ilícitas investigadas nas outras pezas de Gurtel. Segundo o maxistrado, a finalidade do grupo era enriquecerse ilicitamente de forma sistemática, con cargo a fondos públicos, "con quen se concertou para vulnerar a normativa administrativa en materia de contratación pública, emitiron facturas falsas para opacar os fondos obtidos, ocultaron á Facenda Pública os ingresos ilícitos obtidos e branqueáronos para tratar de retornar á vida mercantil lícita". Eses fondos terían a súa orixe na cobranza de facturas falsas e no de comisións indebidas non declaradas á Facenda Pública.

No caso de Correa e Crespo, o maxistrado impútalles un delito contra a Facenda Pública a título de autores ao considerar acreditado que as cantidades multimillonarias que obtivo Correa "as percibiu ocultándoas a través dunha complexa estrutura societaria e financeira, xustamente para conseguir defraudar a Facenda simulando a inexistencia de ingresos". De feito, segundo lembra o xuíz, non presentou ningunha declaración tributaria desde polo menos o ano 1999, ocultando os seus ingresos e rendas.

Respecto a Crespo, o xuíz tamén sostén que ocultou unha parte dos seus recursos económicos que procederían da súa intermediación en adxudicacións irregulares e de investimentos realizados con Correa, e procesa como cooperadores necesarios do delito contra a Facenda Pública aos asesores fiscais De Miguel Pérez e Blanco Balín. Sobre o delito de branqueo, o maxistrado describe unha estratexia planificada baixo a dirección de Correa e Crespo, rexida polo principio de xerarquía e coa misión claramente definida de "enriquecemento do seu líder, Correa Sánchez". Nesa operativa de branqueo o maxistrado destaca o papel dos seus asesores xurídicos tamén investigados, a utilización dunha complexa estrutura de sociedades interpostas ou de investimentos directos no exterior, préstamos concedidos a non residentes, financiamento concedido a filiais residentes, mestura de diñeiro lícito e ilícito, investimentos no sector inmobiliario e uso masivo de efectivo como medio de pago.

A notificación deste auto coincidiu co inicio do xuízo pola contratación da trama Gürtel para actos relacionados coa visita do Papa a Valencia en 2006. Con esta última peza, quedan por xulgar do caso Gürtel as contratacións irregulares da trama nas localidades madrileñas de Boadilla e Arganda, e a causa aberta ao ex-president da Generalitat Valenciana Francisco Camps por supostas irregularidades en adxudicacións para Fitur de 2009.

Noticias web

09/03/2020