CRTVG

Buscar

A familia Quer, satisfeita co auto de apertura de xuízo oral contra o Chicle

Publicado o 05/04/2019 19:30

 

 

A familia de Diana Quer está satisfeita co auto de apertura do xuízo oral, que observa indicios dos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal. O pai de Diana vai asistir, a próxima semana, a outro xuízo contra o Chicle por intento de rapto.

O xuíz instrutor aprecia incoherencias e incompatibilidades na versión do Chicle e atopa indicios suficientes dos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal nas dilixencias practicadas, entre outras, o segundo informe forense, solicitado pola acusación particular.

Ricardo Pérez Lama, avogado da acusación particular: "Un informe moi completo, determinante, para revelar indicios de agresión sexual. O pai de Diana di que non secuestrou a súa nena, e eu engado, e a espiu, para levala a misa".

A acusación particular, satisfeita co auto emitido polo xulgado instrutor, tamén ten a vista posta no xuízo ao que se enfronta o Chicle a semana que vén en Santiago, acusado, entre outros delitos, de detención ilegal e intento de agresión sexual a unha moza de Boiro, o caso que propiciou a súa detención. Juan Carlos Quer adiantoulle á Televisión de Galicia que asistirá a esa vista.

Juan Carlos Quer "Se Diana vivise estaría apoiando esa moza que, afortunadamente, non acabou no mesmo pozo porque a salvaron dous individuos exemplares. Irei eu no seu nome. Esta causa vai poñer de manifesto que este individuo é un depredador sexual,un cazador, que planifica as súas actuacións cun extraordinario sangue frío".

Será entre os días 10 e 12 de abril.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/04/2019