CRTVG

Buscar

O xuíz do caso Villarejo imputa o ex-presidente do BBVA Francisco González

Publicado o 14/11/2019 12:48
O xuíz do caso Villarejo imputa o ex-presidente do BBVA Francisco González

O xuíz do caso Villarejo citou como investigado o ex-presidente do BBVA Francisco González o vindeiro luns 18 de novembro por delitos de suborno e de descubrimento e revelación de segredos en relación cos presuntos encargos de espionaxe que realizou ao ex-comisario José Villarejo.

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló adoptou esta decisión un día despois de que a Fiscalía Anticorrupción pedira a imputación de González, que se produce despois de que en xullo se citara a declarar como investigada a entidade bancaria como persoa xurídica.

A fiscalía pediu a imputación de Francisco González, á vista da investigación aberta ao BBVA na peza 9 desta causa, en que se indaga sobre as presuntas contratacións do banco a Villarejo desde 2004, cando a construtora Sacyr iniciou un movemento para tratar de tomar o control do grupo bancario, que finalmente non tivo éxito.

Cando o xuíz da Audiencia Nacional imputou a entidade polos delitos de suborno, descubrimento e revelación de segredos e corrupción nos negocios, citouna para o 24 de setembro, data que despois pospuxo ao 10 de outubro e, finalmente, segundo precisan fontes xurídicas, será previsiblemente tamén a semana que vén cando compareza un representante legal do banco.

García Castelló, titular do Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional, sospeita que "a cúpula" do BBVA consentiu a contratación do comisario xubilado para tarefas de información e espionaxe, en vista do "beneficio persoal e empresarial" que lle podían reportar.

Ao imputarlle, considerou necesario determinar se o banco puxo en marcha medidas para evitar o delito ou se, pola contra, "a ausencia de mecanismos de control" e "a tolerancia con prácticas contrarias á boa fe empresarial" foron "medios dos que o banco puido valerse para facilitar a contratación" de Villarejo.

En concreto, en relación ao delito de corrupción nos negocios, a investigación persegue aclarar se o BBVA contribuíu a manter as relacións con Villarejo en beneficio propio ou se a presunta corrupción dalgún dos seus directivos "puidese considerarse como prexudicial para a sociedade".

O xuíz debe decidir agora se inclúe a González entre os ex-directivos investigados na peza número 9 do caso Tándem sobre as contratacións por valor de varios millóns do banco a Cenyt, empresa do ex-comisario que, presuntamente, espiaría unhas 15.000 chamadas telefónicas de políticos, xornalistas, banqueiros e empresarios.

Precisamente, foron as pescudas no caso Villarejo as que derivaron na renuncia en marzo de Francisco González como presidente de honra, tras deixar en decembro de presidir a entidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí