CRTVG

Buscar

Imputado o BBVA no caso Villarejo por suborno e corrupción nos negocios

Publicado o 30/07/2019 11:24
Imputado o BBVA no caso Villarejo por suborno e corrupción nos negocios

O xuíz do caso Villarejo, Manuel García Castellón, imputou o BBVA como persoa xurídica polos delitos de suborno, revelación de segredos e corrupción nos negocios polos pagos que fixo durante anos ao ex-comisario a cambio de traballos de espionaxe.

Fontes xurídicas confirmaron que o maxistrado da Audiencia Nacional acordou a imputación do banco a pedimento da Fiscalía Anticorrupción dentro da peza do caso Tándem relativa ás contratacións do banco a Villarejo, que comezaron en 2004 ante unha OPA hostil de Sacyr e alongáronse ata 2017.

A Fiscalía solicitou a imputación do banco a semana pasada despois de analizar a documentación incautada nos rexistros practicados en novembro de 2017 e a achegada polo BBVA. Documentos que, a xuízo de Anticorrupción, acreditarían que os pagos "ilícitos" á empresa de Villarejo, Cenyt, "afectaron varias áreas sensibles do banco e diversos executivos da entidade durante un prolongado período temporal" e que se produciron cando Villarejo estaba aínda en activo na Policía.

A Fiscalía asocia o delito de suborno activo a que as contratacións a Villarejo tiveron como obxecto "múltiples servizos de intelixencia e de investigación de natureza patrimonial e carácter ilícito" cando o ex-comisario -en prisión desde novembro de 2017- aínda era policía en activo e por tanto o seu cargo era incompatible con estes labores. Os "múltiples" delitos de descubrimento e revelación de segredos derivarían da información á que conseguiu acceder Villarejo de maneira ilegal para achegar ao BBVA, que supón, segundo a Fiscalía, "unha reiterada inxerencia nos dereitos fundamentais das persoas mediante seguimentos persoais e acceso ás súas comunicacións ou á súa documentación bancaria".

Coa imputación do BBVA, proseguen as pescudas sobre as contratacións por valor de varios millóns do banco a Cenyt, empresa do ex-comisario que presuntamente espiaría unhas 15.000 chamadas telefónicas de políticos, xornalistas, banqueiros e empresarios, segundo a investigación. Varios cargos actuais e pasados do banco están investigados nesta causa, que é secreta, incluído o ex.conselleiro delegado Angel Cano e o ex-xefe de seguridade Julio Corrochano, que abonou unha fianza de 300.000 euros para non entrar en prisión.

Noticias web

30/07/2019