O xuíz da Kitchen imputa o que fora xefe da UDEF tras as declaracións de Morocho

O xuíz do caso Kitchen, que pescuda a suposta espionaxe "parapolicial" a Luís Bárcenas, decidiu imputar o exjefe da Unidade contra a Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) José Luis Olivera, tras as declaracións de Manuel Morocho. O inspector responsable de investigar a Gürtel e a caixa B do PP sinalou o comisario en excedencia como parte das manobras para tentar apartalo do caso.
Segundo fontes xurídicas, o maxistrado Manuel García-Castellón citouno como investigado o vindeiro 28 de xuño, un día antes da comparecencia como imputada da exsecretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal. O día 30 fará o mesmo o seu marido, Ignacio López del Hierro.
O pasado martes, na súa primeira comparecencia como testemuña na Kitchen (que continua este venres), Morocho apuntou que o exministro de Interior Jorge Fernández Díaz, tamén imputado nesta peza do caso Villarejo, estaría detrás dos intentos de apartalo das investigacións por medio do exjefe da UDEF José Luis Olivera. O inspector xa denunciara estas presións no Congreso.
De acordo co seu testemuño, Olivera ofreceulle un posto de agregado policial na embaixada de Lisboa durante un encontro no que dixo recibir unha chamada do exministro. "Ola ministro. Si, estou con el", foron as palabras de Olivera cando ambos os dous se reuniron nunha cafetería e lle ofreceu ese posto. O inspector situou o momento no 2013, un mes ante do inicio da operación Kitchen.
Pola contra, fontes próximas ao exministro negaron esa chamada e recalcaron que a súa relación co comisario Olivera foi "meramente profesional e escasísima". Segundo o excomisario José Villarejo, Olivera supostamente interviría a favor dalgúns membros do PP no caso Gürtel, "traizoando" o exministro do Interior Alfredo Pérez Rubalcaba.
Morocho relatou que as presións comezaron antes do 2011 tras incluír nun dos seus informes a Ignacio López del Hierro, marido da exsecretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal, porque era "amigo de Villarejo".
Nos papeis de Bárcenas aparecen apuntamentos citando a "López H" ou "López Hierro" en relación a dúas doazóns ao PP de máis de 100.000 euros efectuadas no 1997 e no 1998, aínda que o empresario negou que se refiran a el.
Así mesmo, Morocho sinalou que Olivera, que tamén dirixiu o Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO), reclamoulle os informes para valoralos antes de envialos ao xulgado, ao que se negou. Aínda así sostivo que sufriu presións para "limar" certos informes e retirar datos e nomes.