CRTVG

Buscar

O xoves e o venres teremos sol, pero o sábado volve a inestabilidade

Publicado o 15/08/2019 17:00

A ponte vai ser tan variable que seguro que contenta a todo o mundo. Mañá e o venres sol, e temperaturas por enriba dos 30 graos no sur. O sábado xa cambia a cousa. "A partir de aí si que a entrada da fronte vai facer que baixen as temperaturas na fin de semana. Volveremos estar entre os 20 e os 25 graos cun ambiente de chuvia o sábado e o domingo pola mañá", di Carlos Otero, de Meteogalicia.

Falamos de chuvia que na costa atlántica pode superar os 40 litros por metro cadrado. Os expertos chámanlle río atmosférico. Outro termo para aprender despois de cicloxénese e jet stream. Polo momento, río atmósferico, aínda nos deixa con cara de póker...

A definición pódese reforzar cun mapa de previsión. Para entendelo na práctica hai que agardar ao sábado.  "Nesta área hai máis humidade, máis auga precipitable. Viaxa por este fío de cores vermellas directamente ata Galicia", din desde Meteogalicia.

Agosto está a ser inestable pero para moitos o tempo é algo secundario. O descanso non depende só do sol. "Non porque xa sabes onde vés. Sabes que Galicia é tan bonita e tan verde que se chove pos unha chaqueta e non pasa nada".

Pero non se preocupen. Aquí tamén sae o sol e a partir do luns semella que o anticiclón colle forza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/08/2019