CRTVG

Buscar

O xoieiro Fernando Gallego, galardoado co premio Madrid Joya Designers 2019

Publicado o 28/01/2019 13:09

A colección Antiques do xoieiro outés Fernando Gallego acaba de ser galardoada co premio Madrid Joya Designers 2019, un recoñecemento que avala a traxectoria deste ourive, que, para esta colección, empregou pezas de anticuario, algunhas delas con 2.500 anos de antigüidade.
En febreiro estará en Ifema.

Na universidade estudou Química, pero o amor pola ourivería herdouno do seu pai, xoieiro de profesión, quen lle aprendeu a técnica dun oficio do que Fernando, agora, fixo arte.
Traballa cada peza como algo único, e así, artesanalmente, engasta obxectos milenarios para darlles nova vida, como fixo con esta frecha persa de 2.700 anos de antigüidade ou con estoutro amuleto exipcio.

Fernando Gallego, xoieiro: "Son pezas que normalmente están expostas nunha vitrina ou nun museo, o que facemos é convertelas en pezas que se poden poñer; un amuleto exipcio é bonito pensar que o usou un exipcio hai 2.000 anos e que agora o leva outra persoa".

Ademais deste premio nacional de xoiería, que lle abre as portas a Ifema, Fernando tamén ten os selos de Artesanía de Galicia e Galicia Calidade.

"Son dous selos que non só en Galicia, senón que fóra de Galicia, a xente tamén os valora como algo que é de calidade", di o xoieiro.

E precisamente fóra de Galicia é onde Ferndando está abrindo mercado, a singularidade das súas pezas, sobre todo as que conforman a colección Antiques, abríronlle as portas do mercado americano. As redes sociais e a globalización do mercado axudaron moito á proxección internacional do seu traballo.

"É un público moi grande, son 200 millóns de persoas que consomen e gústanlles moito os produtos nosos; en concreto a colección Antiques, fascínalles pensar que unha persoa poida levar unha pulseira cunha moeda romana de 2.000 anos ou un amuleto exipto de 3.000 anos".

Fernando cre que o éxito lle chegou da man do traballo e dunha filosofía que defende as creación únicas.

Noticias web

28/01/2019