CRTVG

Buscar

O xeo ameaza con tomar as rúas de Madrid despois dunha xornada de despexar accesos

Publicado o 10/01/2021 21:30

Madrid a vista de paxaro: miles de toneladas de neve poden converterse en xeo a partir desta noite coa baixada de temperaturas. Anúnciase un frío siberiano, pero polo menos as vías de circunvalación principais xa teñen carrís habilitados, non hai condutores atrapados e tamén se abriron vías de acceso nas rúas máis importantes da cidade. Certo é que se traballou en menos de duascentas das máis de nove mil que ten a urbe.

Durante a xornada actuaron 6.220 efectivos, entre eles 200 militares da UME e 135 máquinas quitaneves. Tanto a presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso coma o vicepresidente Ignacio Aguado fixeron unha chamada á colaboración dos veciños antes da xeada nocturna. O obxectivo: limpar accesos a vivendas, ramplas de garaxes e beirarrúas.

A polémica nas redes estaba servida ante ese chamado, pero foron numerosos os cidadáns que saíron á rúa dispostos a axudar. Outro obxectivo era abrir vías de acceso aos hospitais. As imaxes corresponden aos arredores do hospital Isabel Zendal e aos traballos para habilitar o paso de vehículos ao centro sanitario Gregorio Marañón. Todo se fixo coa colaboración de veciños. Mentres, o SUMMA trasladou numerosos enfermos en helicóptero desde o venres pasado.

Outra polémica xira arredor do pedimento de zona catastrófica para Madrid. O alcalde José Luis Martínez-Almeida recoñeceu que o están avaliando pero aínda non hai unha decisión adoptada. No Goberno xa expresaron reticencias ante esa posible reclamación.

O único seguro: o principal inimigo agora é o xeo, e o propio alcalde recoñece que a normalidade non chegará, como mínimo, ata a vindeira fin de semana.

Noticias web

10/01/2021