CRTVG

Buscar

O xefe do Estado Maior da Defensa, sobre a polémica do chat dos exmilitares: "Non representan as Forzas Armadas"

Publicado o 04/12/2020 17:47

Continúa a polémica polas cartas ao Rei e o chat dun grupo de militares retirados. Hoxe pronunciouse publicamente o propio xefe do Estado Maior da Defensa para dicir que eses exmilitares non representan as Forzas Armadas, ás que están danando.

Nunha insólita nota de prensa, o xeneral Miguel Ángel Villarroya pronunciouse sobre as cartas que militares xubilados lle enviaron ao Rei criticando o actual Goberno. Para o Jemad, non representan as Forzas Armadas, están danando a súa imaxe e confunden á opinión pública. Un pronunciamento que comparte a ministra de Defensa.

"Non representan as forzas armadas, están causándonos vergoña a todos os demócratas deste país, están tratando de implicar o xefe do Estado, o Rei", dixo Margarita Robles, ministra de Defensa. 

O Partido Popular apoia a decisión da ministra de levar á fiscalía o chat onde exmilitares pedían un golpe de estado e mesmo fusilamentos.

"Paréceme absolutamente lamentable e intolerable. Coñecín polos medios de comunicación que xa está nas mans da fiscalía e espero que haxa un procedemento para depurar as responsabilidades que sexan oportunas", dixo Pablo Casado, presidente do PP.

Pola súa parte, o líder de Izquierda Unida e ministro de Consumo pídelle ao Rei que se pronuncie.

"Desmarcarse claramente. Cando hai actores políticos que queren falar en nome da monarquía, a monarquía ten que sair sempre a dicir que non poden falar no seu nome", afirmou Alberto Garzón, ministro de Consumo.

Unhas declaracións que retrucou o socialista Emiliano García Page.

"Os mesmos que lle están esixindo que se pronuncie nun sentido, son os mesmos que hai nada o criticaban dicindo que fora pouco neutral con non sei que. Creo que o mellor é deixar á xefatura do Estado, que ten un papel especialmente representativo, fóra do debate político", manifestou Emiliano García-Page, presidente de Castela-A Mancha.

Noticias web

04/12/2020