CRTVG

Buscar

O Xapón non detecta problemas de saúde vencelladas ás doses retiradas de Moderna fabricadas en España

Publicado o 27/08/2021 11:44
O Xapón non detecta problemas de saúde vencelladas ás doses retiradas de Moderna fabricadas en España
EFE

O Xapón non rexistrou, polo momento, ningún problema de saúde en pacientes inoculados coa vacina de Moderna e que teñan relación coa contaminación detectada nun lote das doses procedentes de España, segundo informou hoxe o Ministerio de Sanidade.

As autoridades nipoas afirmaron este venres que continúan investigando as causas da presenza de impurezas observadas en 39 viarios da vacina de Moderna, o que levou na véspera a bloquear por precaución 1,63 millóns de doses que ían ser utilizadas ou se inoxularon xa a algúns pacientes.

O ministro nipón de Sanidade, Norihisa Tamura, pediu hoxe tanto a Moderna como á farmacéutica nipoa que distribúe as súas vacinas en Xapón, Takeda, que "tomen medidas para que non volva suceder e para achar a causa pronto", con vistas a "evitar a preocupación da xente que se vacúa".

Fontes do mesmo Ministerio sinalaron a Efe que O Xapón ten previsto seguir contando coas subministracións de Moderna procedentes de España, principal provedor do país asiático da vacina da farmacéutica estadounidense, mentres leva a cabo a investigación sobre os viarios contaminados.

O Xapón decidiu bloquear os 1,63 millóns de vacinas correspondentes a tres lotes producidos en España pola farmacéutica Rovi, responsable da manufactura dunha gran parte das vacinas de Moderna no mercado internacional, e a cal tamén está a investigar as causas destes problemas de calidade.

A detección de partículas anómalas afecta un lote do produto "distribuído exclusivamente no Xapón", sinalou Rovi na véspera nun comunicado dirixido á Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Noticias web

27/08/2021