CRTVG

Buscar

O xabón que planta carballos e conciencia na Costa da Morte

Publicado o 16/07/2019 12:04

"Pensa globalmente, actúa localmente", non é só unha frase bonita a prol do medio natural e dunha sociedade máis consciente. É o lema co que están a intentar cambiar o mundo moitos como Sonia, labrega e camareira de Corcubión que usa o saber tradicional das avoas para facer xabón ecolóxico cos aceites usados. 

Ter unha filosofía de vida consciente é o que ten, que a acabas trasladando a todos os eidos da vida, persoal e profesional. Sonia ten moi claro que só temos un planeta, un medio natural que cómpre recuperar e preservar. E decidiu que por ela non ía quedar. O seu grao de area é un xabón que fabrica na casa a partir de aceites usados.

Sonia Castro, ecoempresaria responsable de Natulóxico, di que hai que sacalo adiante competindo coa industria pero, sobre todo, facer que a xente se conciencie de facer o que se facía antes cos pingos nas matanzas dos porcos, agora cos aceites usados, e valora o apoio incondicional das amas de casa de Corcubión.

Natulóxico ten licenza de xabón de uso doméstico, para lavar louza ou roupa. Pero Sonia xa soubo de quen o usa como cosmético. Empaquetado en papel reciclado, a euro e medio a pastilla, é un xabón biodegradable que non contamina o medio natural e conciencia a poboación.

Sonia explica que Natulóxico, ao ser natural, non lle fai dano á pel e conta que lle chaman "o xabón que planta carballos" porque doaron unhas árbores á Asocición Boca de Sapo de Corcubión para unha leira comunitaria.

A fabricación, di, vai á demanda e cando teñen tempo fan máis para secalo a tempo para os pedidos, unhas mil pastillas á semana. Malia todo, só é unha axuda económica da que aínda non pode vivir unicamente.

O seu proxecto vital vai máis aló de reciclar e fabricar xabrón non contaminante. Sonia e a súa parella, pais dun pequeno, argallaron crear unha ecoaldea infantil nos terreos dun aloxamento de ecoturismo en Lires co que xa manteñen unha horta e colaboran en proxectos de educación ambiental para a rapazada local ou turista.

Sonia explica que con este proxecto os nenos ven como se traballa a terra, onde nacen os pitiños, de onde veñen ovos, onde se colle leituga e como se cultiva sen química, para trasladarlles a eles a idea da preservación e conservar o medio natural para o mundo futuro.

Inés Fraga, hostaleira do establecemento de ecoturismo As Cabañas de Lires, cóntanos en que consiste o proxecto Semente Voando que as uniu pola mesma filosofía de vida, coidar da contorna e transmitírllelo ás novas xeracións, máis tendo tanto terreo e podendo cultivalo e aproveitar a produción para o seu restaurante.

Para Sonia, Natulóxico é, grazas a estes proxectos, un xabón que planta carballos e conciencia.

"Pensa globalmente, actúa localmente". Un lema de cambio social que unha nova xeración de mulleres está a poñer en marcha desde a Costa da Morte por un mundo máis natural, menos contaminado e máis consciente dun futuro que nos atingue a todos.

 

 

 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/07/2019