O xabaril causa estragos en leiras acabadas de sementar de millo en Taboada
Os xabarís arrasaron unha leira de dúas hectáreas de millo en Taboada. O cereal botouse hai catro días e as plantas aínda non agromaran, pero os animais comeron boa parte das sementes. Agora haberá que volvelo botar e as perdas son de case 3.000 euros. Os gandeiros reclaman máis solucións á parte das batidas de caza que, aseguran, non solucionan o problema.
Esta leira de dúas hectáreas recibiu a visita dos xabarís durante a noite. Os animais fozaron boa parte da superficie e comeron as sementes que se botaron hai catro días. O xabaril actúa igual que un arado e vai metendo o fociño polo regos e recollendo as sementes unha por unha. Calcúlase que cada un dos animais pode comer ata dous quilos delas dunha soa quenda. Os gandeiros donos da leira din que agora van ter que volver sementala toda con cereal novo e que as perdas xa ocasionadas poden alcanzar os 3.000 euros.
Manuel Arias, gandeiro: "Esta é unha perda moi importante porque o millo é moi necesario para nós e agora ímolo ter que botar de novo. O xabaril é unha praga".
Os xabarís atopan fácil acubillo na zona porque hai moito monte rodeando as poucas explotacións gandeiras que quedan. De feito, nesta mesma granxa cifran en 240.000 euros as perdas que lles ocasionaron os animais nas súas colleitas de forraxe nos últimos quince anos. Nalgunha ocasión perderon ata o 70% da colleita de millo e é habitual que teñan que mercalo en León, para substituír o que lles dana o xabaril, coa conseguinte perda económica. Por iso, reclaman medidas máis efectivas que as batidas de caza, porque aseguran que aínda que se capturen decenas de xabarís o problema só vai en aumento.
Manuel Arias, gandeiro: "Coa caza non é suficiente porque hai demasiados animais. Terían que buscar outras medidas porque isto é ruinoso".
Na explotación están moi preocupados porque se o xabaril xa ataca cando o millo se acaba de botar, os danos que cause unha vez que estea medrado poden ser moito maiores. As leiras en que se bota o cereal están todas valadas, pero iso non evita os continuos ataques do animal. Tampouco cren que utilizar cultivos alternativos ao millo como o sorgo ou o xirasol, que o xabaril non ataca, sexa a solución porque a produción é moito máis cativa.