CRTVG

Buscar

O WhatsApp é a canle pola que máis mentiras sobre saúde se difunden

Publicado o 11/02/2019 22:02

O WhatsApp é a canle pola que máis enganos sobre saúde se comparten. Contan coa agravante de que as alertas sempre veñen dunha fonte de confianza. Farsas que se atopan tamén en Internet. Así que hai que ter moito coidado cando acudimos á Rede en busca de axuda para solucionar os nosos problemas de saúde.

Precisamente por iso xurdiu a a iniciativa #saludsinbulos. Impulsada pola Asociación de Investigadores en eSaúde (AIES), que conta coa colaboración de diferentes sociedades científicas, institucións sanitarias e colectivos profesionais dedicados á sanidade e á información sobre saúde. O obxectivo é combater bulos sobe saúde en Internet e contribuír a que haxa unha información veraz e contrastada sobre saúde na rede. O obxectivo principal desta iniciativa é detectar con rapidez os enganos e desmontar as informacións falsas que circulan polas redes sociais e as aplicacións de mensaxería instantánea. Facebook e WhatsApp son os maiores altofalantes para rumores, ás veces disparatados, como que as vacinas causan autismo ou que o paracetamol contén un virus.

A teoría sabémola ben: mellor ir ao médico ca ao doutor Google. Pero a realidade é ben distinta. E así o di o informe elaborado polo Instituto #SaludsinBulos. Acudimos á Rede máis do que deberiamos en busca de diagnósticos ou remedios. Os enganos están na Rede. E moitos chégannos a través do WhatsApp. E como acabar con todo isto? Por exemplo, cun labor máis didáctico dos médicos, para que o paciente non busque información pola súa conta. Ou asesorando sobre web fiables e mesmo penalizando a difusión de contidos de saúde que prexudiquen os pacientes.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019