O volume de negocio de produto ecolóxico certificado medra un 33%
O volume de negocio de produto ecolóxico certificado medrou un 33% no 2018 respecto do ano anterior. Os datos presentados hoxe polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia reflicten a consolidación deste modelo. No 2018 medrou preto dun 6% a superficie certificada e case un 8% os operadores inscritos. A produción animal é a que máis factura, 44 millóns de euros, se ben a do mar é a que máis medra en termos porcentuais, case un 40%. Para o conselleiro do Medio Rural, trátase dunha actividade cun importante nicho de mercado e anunciou que neste trimestre porán en marcha unha mesa da produción ecolóxica.
José González, conselleiro do Medio Rural: "No volume de vendas certificadas que pasamos de 59 millóns de euros no ano 2017 a case 80 millóns de euros no anos 2018. E dicir, temos un crecemento dun 33 por cento que en calquera sector económico, é importante pero tamén aquí. Isto é máis significativo se vemos os datos de facturación de anos anteriores. No 2008 a facturación é de 12,7 millóns".