CRTVG

Buscar

Confinan varios núcleos poboacionais na Palma por empeorar a calidade do aire

Publicado o 01/10/2021 23:53

• Moitos habitantes de La Laguna deixaban as súas casas por temor

• Hoxe chegaron os 10 millóns de euros prometidos polo Goberno

 

EFE

A dirección do Plan de Prevención de Risco Volcánico en Canarias, Pevolca, ordenou esta noite o confinamento de varios núcleos de poboación dos municipios del Paso e Los Llanos de Aridane debido a un empeoramento da calidade do aire pola erupción volcánica do Cumbre Vieja.

En concreto confínase o espazo comprendido entre o cruzamento de camiño Cruz Chica coa estrada LP-2 seguindo ao oeste ata o cruzamento con Nicolás Brito Pais, e deste camiño ata a circunvalación e por esta ata a rotonda de Hoyas Hondas. A partir deste punto inclúese toda a zona afectada polo incendio do mes de agosto ata o campo de fútbol de El Paso e a zona comprendida ao oeste da LP-3 ata a rotonda de El Sombrero. Ademais, continúan confinados os núcleos San Borondón, Marina Alta, Marina Baja e a Condesa recollidos na actualización anterior. 

O comité científico advertiu hoxe de que as condicións meteorolóxicas poderían favorecer un empeoramento da calidade do aire, que ata o de agora se mantén dentro dos parámetros permitidos

O volcán que o pasado 19 de setembro entrou en erupción na Palma sumou este venres dous centros emisores de lava aos dous que tiña e a nova coada magmática busca a unión coa primixenia cara ao mar, nun momento no que o aire segue sendo saudable para os cidadáns.

Así o dixeron este venres o director técnico do Plan de Prevención de Risco Volcánico, Miguel Ángel Morcuende, e a directora do Instituto Xeográfico Nacional (IGN) en Canarias, María José Blanco, quen tamén explicaron que os novos centros emisores están separados entre eles uns 15 metros e atópanse a 600 metros do cono principal en dirección noroeste.

O nacemento das dúas novas bocas, as 02.30 horas deste venres, foi observado por especialista do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Moitos habitantes de La Laguna deixaban esta mañá as súas casas ante o temor de que a coada chegue ata a vila. Os expertos cren que estas coadas acabarán xuntándose cos ríos de lava vellos pero ante ante o temor de que acabe desviándose cara La Laguna  moitos veciños empezaron xa a empaquetar as súas cousas e algúns xa se trasladaron a segundas vivendas.

Canto á calidade do aire, aínda que a UME detectou picos de niveis tóxicos, isto produciuse en determinadas zonas e non reviste perigo para as persoas. As explosións do novo volcán lanzaron cinzas e pequenos fragmentos de escoria volcánica que chegan a ter un centímetro de diámetro no miradoiro da Igrexa de Tajuya, situada a máis de 3 quilómetros do cono eruptivo, na zona de Cabeza de Vaca.

O vento do norte amainou. Iso quere dicir que a nube tóxica empeza a concentrarse enriba da illa. E por se iso fose pouco, os vulcanólogos cren que esta erupción vai para longo.

O volcán, cuxa lava o 28 de setembro chegou ao mar na zona do municipio de Tazacorte, onde formou un delta lávico que ocupa unha superficie superior ás 27,7 hectáreas, emitiu en trece días 80 millóns de metros cúbicos de material, o dobre do que o Teneguía expulsou en 1971.

As novas coadas, que destruíron algunhas casas nas poucas horas que levan saíndo, monitorízanse de forma continua para saber a súa evolución e, se hai perigo para a poboación, informar a fin de evitar máis danos. Morcuende chamou á tranquilidade e sinalou que a vida se realiza de forma "normal" no resto da Palma, polo que rexeitou imaxes alarmistas.

Pola súa banda, María José Blanco explicou que durante as últimas vinte e catro horas rexistráronse decenas de sismos, o maior de magnitude 3,5, e localizados entre 10 e 15 quilómetros de profundidade.

Rexistráronse outros máis superficiais na zona eruptiva e o nivel de tremor aumentou a partir das tres horas deste venres e nalgunhas estacións próximas ao delta lávico rexistrouse tremor de alta frecuencia. 

Desde a súa erupción, a lava emitida polo volcán cobre 709 hectáreas, entre as que se inclúe o terreo que gañou ao caer ao mar, e afectou a máis de 1.005 edificacións, das que unhas 870 foron destruídas.

Ante os danos ocasionados pola erupción volcánica, enviouse axuda desde todos os puntos de España e foi preciso paralizar a recollida de alimentos e roupa porque estas necesidades están cubertas.

Hoxe chegan á Palma os 10 millóns prometidos polo Goberno para axudar os afectados e a próxima semana comeza a adxudicar as primeiras vivendas provisionais. Este domingo, o presidente Pedro Sánchez viaxa de novo á illa.

O Cabildo da Palma comunicou que se houbese algunha necesidade farase saber e lembrou que hai unha conta bancaria para que se dean axudas económicas para atender outro tipo de necesidades.

Noticias web

01/10/2021