"Escoitamos o que di o volcán e non hai ningún sinal de que a fin da erupción estea preto"
O presidente do Goberno viaxará maña de novo á Palma para coñecer sobre o terreo a situación provocada polo volcán de Cumbre Vieja, que xa obrigou a evacuar tres zonas, a última o barrio da Laguna. Os veciños viron como a lava entraba no centro urbano e arrasaba as súas casas.
Desde que o pasado 19 de setembro o volcán da Palma entrou en erupción, arrasou máis de 886 hectáreas de terreo e destruíu 2.122 edificios. Outros 137 están ameazados.
"Nós escoitamos o que nos di o volcán, e ata o de agora non hai ningún dato, ningún signo que nos indique que a erupción está preto da súa fin", di a vucanóloga Alicia Felpeto.
A última zona evacuada foi a da Laguna, a onde chegaron dúas coadas que destruíron 61 vivendas en 24 horas. As dúas linguas acabaron uníndose nunha que perdeu velocidade e que podería, segundo os expertos, desviarse cara á montaña e salvar a parte urbana da Laguna que quedou en pé.
Os veciños que tiveron que abandonar as súas casas agradecen a axuda que recibiron para recoller as súas cousas. Os seísmos baixo o volcán tamén continúan. Desde onte á noite ata este mediodía rexistráronse 52, o maior de 4,2 graos de magnitude.