A lava ameaza con atravesar o corazón de La Laguna e obrigar a confinar Tazacorte
O volcán do Cumbre Vieja non dá tregua despois dun mes en erupción. A lava sae por catro bocas diferentes e a actividade eruptiva é igual de potente que o primeiro día. O volcán está estabilizado, pero non dá síntomas de desgaste, e ninguén se aventura a predicir cando pode parar.
O balance ata agora é desastroso. A lava sepultou case 2.000 edificios, 60 quilómetros de estradas, e 100 hectáreas de plataneiros. Sete mil persoas tiveron que abandonar as súas casas; algunhas, para sempre.
Catro coadas de lava saen do volcán e só unha, polo momento, alcanzou o mar. As que máis preocupan agora mesmo son a que ameaza o barrio de La Laguna e a que está a 100 metros do mar. Neste último caso, xa está preparada a evacuación de 3.000 persoas de Tazacorte polos posibles gases tóxicos cando o magna chegue á auga. Despois de 30 días de erupción preocupa tamén a calidade do aire, que está empeorando.