CRTVG

Buscar

O voceiro socialista renuncia a ser candidato para facilitar unha moción contra Jácome

Publicado o 19/04/2021 15:12

O voceiro do grupo municipal socialista de Ourense renuncia a ser candidato á alcaldía para facilitar unha moción de censura contra Gonzalo Pérez Jácome. Anunciono nunha conferencia de prensa convocada con carácter urxente para esta mañá.

Rafael Rodríguez Villarino renuncia a ser alcalde, malia a que o PsdeG é a forza con máis representación no Goberno municipal: 9 de 27 concelleiros. Renuncia, di, para facilitar unha moción de censura.

O PP, con 7 concelleiros, suma canda os socialistas maioría suficiente para arrebatarlle a alcaldía a Jácome, pero as negociacións non tiña dado froito ata o momento. Os populares pedíanlle ao PSOE outro canditado.

Segundo Villarino, xa lle trasladou a proposta ao voceiro do PP, Jesús Vázquez Abad, nunha reunión hai preto de dúas semanas, pero aínda non tivo resposta. Dálle de prazo ata o sábado para contestar.

Por parte do PP, pronunciouse José Manuel Baltar, o presidente provincial do partido. Baltar non lle dá credibilidade ás palabras de Villarino, di que a súa palabra non vale nada e di tamén que o escenario cambiou con respecto a cando se realizou a primeira negociación.