CRTVG

Buscar

O virus segue avanzando na área sanitaria da Coruña, que acumula 700 casos activos

Publicado o 15/08/2020 14:56

Máis da metade dos casos activos de coronavirus en Galicia corresponden á área sanitaria da Coruña-Cee.
A última actualización da Consellería de Sanidade recolle 82 positivos novos nesta área, que suma en total 700 contaxiados.
Tamén é aquí onde hai máis hospitalizados, 31 dos 44 ingresados en toda a comunidade.
O dato positivo póñeno as altas: 15 en 24 horas.

As autoridades están organizándose para facer máis probas PCR. Onte realizáronse 823 nesta área sanitaria, pero o propósito é chegar ás 1.200.
Os concellos da comarca preparan listaxes de voluntarios entre os colectivos máis expostos, como policías, farmacéuticos ou persoal de atención domiciliaria.
Ademais, estúdase como facer un cribado aleatorio a coruñeses dos tramos de idade con maior incidencia do virus.

Sábese que na cidade hai transmisión comunitaria pero non o grao, e o incremento de probas é tamén unha axuda para determinalo.

Precisamente, as forzas da orde están aumentando a vixilancia sobre o uso da máscara e a prohibición de fumar a menos de dous metros doutras persoas. A Policía Local da Coruña puxo onte 49 denuncias por incumprir estas normas.

Noticias web

15/08/2020