O virus esténdese pola Barbanza, con novos contaxios en Boiro e na Pobra
Publicado o 24/05/2021 15:19
Na comarca da Barbanza repuntaron os contaxios. Na fin de semana detectáronse máis casos activos na Pobra e tamén no concello veciño de Boiro. Xa son 29 os casos activos en Boiro, que endureceu restricións o sábado por culpa dunha repunta de contaxios que segue a medrar.
A situación preocupa en Boiro e tamén na Pobra. No cribado da mocidade do sábado apareceron 7 positivos máis e a incidencia disparouse por riba dos 380 casos. A estreita conexión entre concellos fai pensar que o virus está a viaxar pola comarca.
Por iso están moi pendentes en toda A Barbanza dos resultados do cribado realizado onte entre os 400 traballadores dunha conserveira de Ribeira. Mentres, toca seguir sendo prudentes para conter o avance do virus na zona.