CRTVG

Buscar

O virus do Nilo, detrás dun gromo de meninxite en Andalucía

Publicado o 13/08/2020 18:38

Os 19 casos de meninxite vírica rexistráronse en Puebla e en Coria del Río. Os resultados das primeiras 12 análises confirman que a orixe do brote está no virus do Nilo, unha enfermidade transmitida por un mosquito presente en zonas húmidas de Andalucía desde hai unha década. Hai 17 persoas hospitalizadas e 7 en coidados intensivos, pero os médicos son optimistas.

Juan González Maestre, xefe da UCI do Hospital Infanta Luisa Quirón de Sevilla, explica que "a inmensa maioría das meninxites ou meningoencefalitis víricas teñen menos gravidade que as infecciosas. Un tanto por cento moi elevado se curan e non deixan secuelas"

É o maior brote deste virus nunca rexistrado en España. Os expertos atribúeno a unha primavera chuviosa e ao abandono do campo nos meses do confinamento.

Jordi Figuerola, investigador da Estación Biolóxica de Doñana, conta que "en depósitos destapados, en contedores que hai no campo, en todos estes lugares acumulouse auga e xeráronse criadeiros de mosquitos. Estamos detectando que temos moitos máis mosquitos que o ano pasado por estas datas"

As localidades afectadas están nas marismas do Guadalquivir. A Junta de Andalucía recomendalles aos seus 42.000 veciños estremar as precaucións.

Jesús Aguirre, conselleiro de Saúde da Junta de Andalucía, informou de que "de forma preventiva, mandamos notificación para empregar mosquiteiras, coidado coa zona de marismas, luz apagada, evitar perfumes intensos, hixiene corporal, repelentes".

O protocolo da Junta inclúe a fumigación da zona.

Noticias web

13/08/2020