CRTVG

Buscar

O virus do bronceado estraga as plantacións de pemento de Padrón dunha cooperativa do Salnés

Publicado o 10/06/2019 12:28

Pode soar frívolo, pero os pementos de Padrón adoecen do virus do bronceado. É un mal que transmite un insecto e que arrasa as plantacións. Non é novo pero este ano estalles a afectar seriamente aos invernadoiros do Salnés. Na cooperativa Horsal calculan que perderán o 10 % da colleita.

Esta é unha das plantacións de pemento de Padrón da Cooperativa Horsal máis afectadas polo virus do bronceado ou virose. 8.000 metros cadrados e 20.000 plantas arrasadas por esta enfermidade que transmite un insecto, o trip, que provoca que a planta non medre, as follas póñense amarelas e o froito non se desenvolve. As perdas neste invernadoiro estímanse nuns 60.000 euros. E non foi o único, este ano, a virose, que adoita afectar máis os cultivos no Mediterráneo, está arrasando no Salnés.

Carlos Sabarís, socio da Cooperativa Horsal: "Este ano debeu ser que as temperaturas altas de principio da primavera, o vector que transmite o virus, que é o trip, reproduciuse de maneira moito máis veroz, daquela pillou a planta moito máis débil, que é cerca do transplante e a maneira de producirse o virus é moito máis virulenta, entón hai parcelas que case non están afectadas e outras que o ano pasado xa tiveron ataques de virose menos importantes, hai algunhas que foron fulminantes e houbo que arrincar todo. E despois hai que engadir que estamos en xuño, agora mesmo xa non é momento de facer outra plantación. Entón hai que agardar a que termine o verán para facer plantacións de folla, de leituga, de repolos, e agora vai ter tres meses mortos".

Os agricultores son conscientes de que o control da praga é complicado porque o insecto que a transmite reprodúcese axiña. Procuran manter a planta e a terra sas, e intentan evitar a entrada do insecto con trampas como estas bandas adhesivas onde queda atrapado, pero non é abondo. Lograr semente resistente podería ser unha maneira de atallar a praga, pero non é rendible.

Carlos Sabarís, socio da Cooperativa Horsal: "O pemento de Padrón comercialízase tan pouca cantidade de semente que non hai ningunha casa de semente que lle interese desenvolver unha planta resistente ao virus do bronceado, nin a outro virus. Entón a semente que usamos é a nosa propia".

Perder a colleita de pemento de Padrón ten outras consecuencias comerciais nefastas para os produtores.

Carlos Sabarís, socio da Cooperativa Horsal: "Como empresa, como cooperativa, aféctanos porque o pemento de Padrón que nós usamos é case un reclamo que temos para os nosos clientes para a temporada de verán. Se tes pemento de Padrón auténtico é unha garantía de que che van comprar outro tipo de produtos, se perdemos o pemento de Padrón, outro tipo de produtos téñenos noutro sitio calquera de España, Portugal ou caquera sitio".

A cooperativa calcula que a virose provocará a perda do 10 % da colleita este ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/06/2019