CRTVG

Buscar

A oposición insiste en pedir a dimisión de Marlaska nun tenso debate no Congreso

Publicado o 27/05/2020 16:03

• Cayetana Álvarez de Toledo dille a Iglesias que é o "fillo dun terrorista"

• Iglesias suxire que o PP alenta a insubordinación da Garda Civil

• A cúpula da Garda Civil pide a dimisión da súa directora

 

Os deputados presentes no pleno do Congreso tamén gardaron este mediodía un minuto de silencio, pero o loito oficial que hoxe comeza en España polas preto de 30.000 vítimas do coronavirus non impediu a tensión, a crispación e a bronca na Cámara baixa.

A sesión de control ao Goberno capitalizouna a destitución do coronel Diego Pérez de los Cobos e a renuncia do director adxunto de operacións da Garda Civil, Laurentino Ceña, así como a imprevista equiparación salarial deste corpo co da Policía Nacional. Os tres principais grupos da oposición (PP, Vox e C`s) pediron varias veces a dimisión do ministro do Interior, nas sete preguntas que formularon sobre este asunto.

Fernando Grande-Marlaska reiterou que descoñece o informe da Garda Civil sobre as manifestacións do 8M entregado no xulgado e negou calquera tipo de inxerencia no labor deste corpo e no poder xudicial.

Os insultos e as alusións persoais entre as súas señorías foron abundantes. O clímax chegou na recta final do debate, cando a voceira do PP, Cayetana Álvarez de Toledo, lle chamou ao líder de Unidas Podemos e vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, "fillo de terrorista" antes de lembrar un artigo do propio Iglesias en que aseguraba que o seu pai pertenceu á Fronte Revolucionaria Antifascista Patriótica (FRAP).

O vicepresidente acusou a Álvarez de Toledo de cometer "un delito" no hemiciclo do Congreso, polo que avanzou que animará ao seu pai para interpoñer as medidas xudiciais que estime oportunas. 

A pequena liorta levou á presidenta do Congreso, Meritxell  Batet, a pedir á portavoz do PP o seu consentimento para retirar do diario de sesións a expresión "seu pai é un terrorista", aínda que esta non foi a afirmación. Álvarez de Toledo reafirmouse e Batet avanzou que a expresión desaparecerá da acta da sesión, entre berros de "censura" desde a bancada do PP.

Antes deste episodio, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reprochoulle ao líder do PP, Pablo Casado, de converter a súa estratexia de oposición  nun "concurso de posados". O presidente dos populares atacaba previamente ao presidente polo pacto subscrito con EH Bildu, para el unha "broma macabra".

Houbo tamén un duro enfrontamento entre o vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, e o voceiro do PP, Teodoro García-Egea. Este afirmara que Laurentiño Ceña preferiu deixar o seu posto de director adxunto do instituto armado antes que asumir "unha orde inxusta".

Iglesias pediulle prudencia ao PP porque "o que está en xogo é a democracia", dixo. "Está pedíndolles aos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado que incumpran as ordes que consideren por iniciativa e incitación de vostedes inxustas?", preguntoulle a García-Ejea.

O voceiro popular comparou a dimisión de Laurentino Ceña coa actuación do Duque de Ahumada, o fundador da Garda Civil, cando, hai máis dun século, negouse a cumprir unha "orde inxusta" do xeneral Narváez.

"Máis dun século despois o señor Laurentino Ceña fixo o mesmo co seu Goberno: preferiu irse que tomar unha orde inxusta", dixo García-Egea, que advertiu ao Executivo de que, "se Roldán non logrou acabar coa Garda Civil, vostedes tampouco o farán".

García-Egea preguntoulle a Iglesias "que máis ten que pasar para que un ministro dimita" e alertou sobre a incongruencia de pedir "diálogo, consenso e acordo para logo fulminar a todo o que lle molesta cando sae pola porta".

Pablo Iglesias reprochoulles aos populares que estiveran rindo "nun día de loito oficial" e pediulle ao PP que "reflexione sobre as implicacións que ten que se botaran ao monte" ao aliñarse co discurso de Vox porque "quizais se están  colocando vostedes nunha posición enormemente perigosa non só para o seu  futuro senón para a democracia española".

Despois da sesión de control, todos os partidos (co apoio tamén do PP e a abstención de Vox), convalidaron o Decreto Lei que prorroga a medida dos ERTE por causa de forza maior ata o 30 de xuño.