CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

O vicepresidente da Xunta visita o centro galego da Plata na súa viaxe oficial á Arxentina

Publicado o 09/10/2017 21:46

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, continúa a súa viaxe oficial na Arxentina, onde se achegou ós galegos residentes na cidade de La Plata e inaugurou unhas xornadas gastronómicas para dar a coñecer ante especialistas locais no sector as potencialidades dos nosos produtos.

Nesta terceira xornada na Arxentina, o vicepresidente da Xunta achegouse ata a provincia de Bos Aires para coñecer de primeira man a realidade do Centro Galego de La Plata, institución da que resaltou a xuventude da súa comisión directiva e as ganas de seguir difundindo Galicia.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "Alí onde existe un centro galego existe unha embaixada de Galicia, a mellor que podemos ter e non me queda máis que agradecer unha vez máis todo ese traballo que fan".

Alfonso Rueda inaugurou tamén as xornadas gastronómicas 'Obradoiros de sabores' que tiveron lugar no Club Español de Bos Aires. Un programa da Secretaría Xeral da Emigración e as consellerías do Medio Rural e do Mar que busca dar a coñecer de primeira man os nosos produtos a máis dun centenar de xornalistas, restauradores ou distribuidores arxentinos especializados en gastronomía.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta : "Temos moitísimo que vender, máis de 30 denominacións de orixe a un mercado fantástico que en Galicia ten moita forza, tamén en España, pero queremos que vaia máis alá das nosas fronteiras e que se coñeza".

O recoñecido cociñeiro galego Kike Piñeiro foi o encargado de presentar a nosa variedade productiva con pratos que unen tradición e tecnoloxía para tentar seducir a un país coma A Arxentina, onde existe unha alta demanda de alimentos e bebidas galegas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

09/10/2017