CRTVG

Buscar

O verán galego será máis seco do normal, despois dunha primavera moi cálida

Publicado o 20/06/2020 15:23

A primavera galega foi a cuarta máis cálida dos últimos 40 anos e con valores de precipitacións normais, e o verán, que empeza este sábado, terá temperaturas normais e será máis seco do habitual, segundo datos e predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

O delegado de Aemet en Galicia, Francisco Infante, explicou hoxe que o mes de maio foi o máis cálido desde que hai rexistro en Galicia (1950), con 3,6 graos centígrados máis do que é normal neste mes.

A primavera (de marzo a maio incluído) foi normal en canto a precipitacións e moi cálida, coa temperatura máxima de 37,1 graos rexistrada o 28 de maio en Rivadabia (Ourense) mentres que a mínima rexistrouse en Xinzo da Limia (Ourense) con -4,2 graos o 15 de marzo.

A primavera foi a cuarta máis cálida dos últimos 50 anos só superada nos anos 1997, 2011 e 2017. En canto ás precipitacións, os valores foron normais.

Por meses, marzo foi un mes cálido e húmido; abril tamén foi cálido (o segundo máis cálido da serie histórica en Lugo) e as precipitacións superaron valores normais en Pontevedra, mentres que maio foi o máis cálido da serie histórica e moi seco. De feito, na Coruña só choveu o 11 % do habitual (foi o segundo mes máis seco da serie histórica nesta provincia).

Respecto ao que levamos do mes de xuño, "está a romper a tendencia da primavera" ao ter un carácter frío e un comportamento normal en canto a precipitacións. Ademais, Infante indicou que o mes de xuño de 2019 foi moi frío e húmido en Galicia e, desde aí, todos os meses sucesivos foron máis cálidos do normal, salvo novembro que tivo unha temperatura habitual.

Infante tamén apuntou que a tempada de furacáns, que empezou o 1 de xuño e estenderase ata o 30 de novembro, será "máis activa" do normal.

Temperaturas suaves na noite de San Xoán

Esta fin de semana as temperaturas serán suaves, de entre 20 e 25 graos no litoral e de 25 a 30 en Ourense.

A partir do luns, "o anticiclón estende o seu dominio", cunha "probabilidade de choiva nula" e máximas que poden chegar aos 35 graos en Ourense.

Na noite de San Xoán as temperaturas serán "agradables", entre os 14 e 16 graos, aínda que pola mañá haberá algún banco de néboa nalgunha zona da costa. Non haberá mareas vivas nin ondada importante.

Respecto á predición que fan para este verán, para toda España e Galicia, as temperaturas serán normais e en canto a precipitacións será máis seco do normal.